Monday 29 de April de 2024

Ángeles Vázquez subliña as 25,7 toneladas de vidro recollidas na Coruña en San Xoán como mostra do aumento da conciencia cidadá


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá na entrega de 10 bicicletas aos gañadores do concurso ‘Rasca e Gaña’ organizado na cidade pola Xunta en colaboración con Ecovidrio entre os días 23 e 24 de xuño

A campaña especial de recollida de vidro impulsada na Coruña pola Xunta e Ecovidrio con motivo da celebración do San Xoán saldouse este ano cun total de 25,7 toneladas recollidas na noite do 23 ao 24 de xuño en toda a cidade. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen puxo os resultados desta nova acción de sensibilización desenvolvida na Coruña como exemplo da “cada vez maior conciencia cidadá” que existe en toda a comunidade sobre os beneficios que reporta a reciclaxe para o medio ambiente.

A campaña de recollida de vidro durante a noite de San Xoán na Coruña, que este ano cumpre a súa quinta edición, enmárcase nos esforzos que está a realizar a Xunta para promover durante o verán eventos e festas sustentables no conxunto de Galicia, así como no impulso a distintas iniciativas de sensibilización cidadá en colaboración con entidades como Ecovidrio e coas propias administracións locais nas que se organizan.

Precisamente, a conselleira salientou que “a formación é a mellor forma de prevención” en materia de xestión de residuos, polo que considerou que para camiñar cara a unha economía circular efectiva, na que se supere o modelo de fabricar-usar-tirar e os residuos se convertan en recursos, a Xunta necesita do apoio e implicación do conxunto da sociedade. Por iso, referiuse ás numerosas actividades de educación ambiental que promove o seu departamento ao longo do ano para formar e informar á cidadanía, así como ás campañas educativas en colexios para implicar no coidado do medio ambiente ás novas xeracións, un capítulo de sensibilización para o que en 2019, lembrou, mobilizaranse 2,6 millóns de euros.

Neste sentido, todas as citas festivas que se celebran cada ano en Galicia e nas que se concentra unha gran afluencia de público supoñen unha boa oportunidade para tentar implicar á sociedade neste tipo de iniciativas ambientais. No caso da campaña de recollida de vidro en A Coruña durante o pasado San Xoán, festa declarada de interese turístico internacional na que se estima que participan cada ano unhas 150.000 persoas, recolléronse 25,7 toneladas de vidro en toda a cidade, unha cifra sensiblemente superior á da edición anterior, durante a que se recuperaron entre o 23 e o 24 de xuño un total de 23,4 toneladas.

Cinco anos concienciando no San Xoán
Esta é a quinta ocasión na que a Consellería de Medio Ambiente e Ecovidrio colaboran para levar a cabo durante a noite de San Xoán unha campaña especial de sensibilización para fomentar a recollida de vidro en toda a cidade aínda que cun operativo especial nas seis praias máis concorridas: Riazor, Orzán, Matadero, San Amaro, As Lapas e Oza.
En concreto, no marco da acción deste ano despregouse polos areais un equipo integrado por 20 persoas para informar sobre os beneficios ambientais do reciclado de envases de vidro, instaláronse 15 contedores-iglús nas entradas principais de cada praia, e lanzouse unha nova edición do concurso Rasca e Gaña para concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de facer unha correcta recollida deste tipo de residuos.

Por cada tres envases de vidro depositados nos iglús distribuídos con motivo da campaña, os participantes obtiñan unha tarxeta rasca que lles daba acceso a miles de premios. En total, repartíronse durante a noite de San Xoán 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda, 100 mini iglús e outros moitos regalos directos, quedando pendente a entrega de 10 bicicletas que se sortearon tamén durante a festa e que esta mañá entregou a conselleira de Medio Ambiente, acompañada polo xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.

Ademais de resaltar os bos resultados desta acción durante a fin de semana do San Xoán, Ángeles Vázquez tamén quixo felicitar ao conxunto dos coruñeses polo esforzo demostrado ao longo de todo o ano en materia de reciclaxe. Así, referiuse ás cifras de recollida de vidro na Coruña durante 2018, cunha media de 15 quilos por veciño que supuxo un incremento do 2,7% en comparación aos datos cos que pechou o ano anterior.